O Sergas asegura que hai dispoñibilidade de camas en Pontevedra para atender calquera necesidade

Pontevedra
29 de xullo 2019

Desde a Consellería de Sanidade rexeitan as "infundadas denuncias" emitidas nas últimas horas polo sindicato Prosagap sobre a capacidade de recursos asistenciais na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

O xerente José Ramón Gómez e a directora asistencial Sonia Fernández-Arruty
O xerente José Ramón Gómez e a directora asistencial Sonia Fernández-Arruty / PontevedraViva

O SERGAS emitiu un comunicado para saír ao paso das denuncias que realiza o sindicato Prosagap e persoal de diferentes servizos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nos que se denuncia a saturación en Urxencias de Montecelo pola falta de camas en planta.

Segundo a Consellería de Sanidade, os hospitais públicos contan con dispoñibilidade de camas para dar resposta asistencial a calquera necesidade que xurda. Segundo sinalan, este domingo quedaban 11 camas libres de área médica distribuídas entre os hospitais Provincial e Montecelo, ademais de 4 camas de coronarias libres, 6 camas para coidados críticos, 15 de obstetricia, 28 de pediatría e 11 camas cirúrxicas, ademais doutras 38 camas libres no Hospital  do Salnés.

Desde a Administración Sanitaria Pública Galega cuestionan o "rigor e a intencionalidade desas informacións" procedentes de fontes sindicais. Sinalan que o Plan de Adecuación de recursos asistenciais programado para este verán en Pontevedra e O Salnés mantén operativos un 89% dos recursos asistenciais globais.

Os responsables sanitarios @de la Xunta apuntan que a xerencia mantén operativas 520 camas, o 87% do total, no  Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), ademais de 108 camas no Hospital  do Salnés, un 90% do total.

Por último lembran que se fose preciso todas as camas estarían operativas. Sinalan tamén que, como medida preventiva no caso de que a ocupación hospitalaria superase o 90%, a Dirección da área sanitaria ten previsto un plan de continxencia específico que dotará de persoal en menos de dúas horas todas aquelas camas que fosen precisas.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitará este luns o Hospital Montecelo para manter un encontro interno co persoal e representantes sindicais coa intención de ofrecerlles detalles sobre o proxecto do Gran Montecelo.