O Plan de Emprego municipal refórzase con outros 51 traballadores

Pontevedra
02 de decembro 2014

Os últimos 51 traballadores que participarán no Plan de Emprego que impulsa a Concellería de Promoción Económica incorporaranse aos seus postos en torno ao próximo día 15 deste mes. A Xunta de Goberno Local aprobou esate martes, en sesión extraordinaria, un suplemento de crédito de 60.000 euros ao programa, que alcanza así unha partida total de 210.000 euros

Plan de práctica laboral do Concello de Pontevedra
Plan de práctica laboral do Concello de Pontevedra / Diego Torrado

Os últimos 51 traballadores que participarán no Plan de Emprego que impulsa a Concellería de Promoción Económica incorporaranse aos seus postos en torno ao próximo día 15 deste mes. A Xunta de Goberno Local aprobou este martes, en sesión extraordinaria, un suplemento de crédito de 60.000 euros ao programa, que alcanza así unha partida total de 210.000 euros.

A iniciativa responde ao último acordo adoptado polo Consello Económico e Social (o órgano consultivo no que están representados o Concello e os axentes sociais) para reforzar este programa, que chega así a un total de 181 traballadores.

A concelleira Carlota Román deu a benvida o pasado mes aos primeiros 130 participantes, que xa están incorporados aos seus postos. A responsable municipal subliñou o compromiso do seu departamento por botar unha man, na medida das súas posibilidades, no combate contra a crise económica. Explicou ademais, que o Concello viuse obrigado a xustificar o programa, que sae adiante reparos da Intervención municipal a causa da recente reforma legal que limita as competencias da Administración local, impulsada polo Goberno de España.

Carlota Román lamentou a precariedade das políticas activas de emprego a cargo da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, "cuxa actividade en Pontevedra neste eido é absolutamente nula e mídese, unicamente, polas cousas que deixa de facer ".

As persoas becadas no Plan de Emprego, percibirán 375 euros mensuais por unha prestación a media xornada de catro horas, en horario de mañá ou tarde, e de luns a venres. A duración das becas é de tres meses. Ao non ter carácter de contrato laboral, son compatibles coa prestación por desemprego. Os beneficiarios deben estar empadroados en Pontevedra e ter máis de 18 anos.

As bases elaboradas dende a concellería obrigan, como garantía de transparencia, a facer a selección a partir das listaxes remitidas polos Servizos Públicos de Emprego. Ademais esíxeselle ás empresas participantes, que non teñan despedido nin antes nin durante a realización das prácticas a ningún traballador que desenvolva funcións equivalentes.