O Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 quere converter ás Rías Baixas nun destino intelixente

Pontevedra
24 de novembro 2020

Outra das novidades adiantadas pola presidenta da Deputación foi o eixo temático da campaña de promoción turística de cara ao 2021: será "novidosa, con moitas sorpresas" e estará centrada "no destino multiexperiencial que ofrecen os camiños e roteiros materiais e inmateriais da nosa provincia"

Parella de peregrinos polo Camiño portugués a Santiago
Parella de peregrinos polo Camiño portugués a Santiago

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva avanzou que o Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023 quere converter ás Rías Baixas nun destino intelixente.

Outra das novidades adiantadas pola presidenta da Deputación foi o eixo temático da campaña de promoción turística de cara ao 2021: será "novidosa, con moitas sorpresas" e estará centrada "no destino multiexperiencial que ofrecen os camiños e roteiros materiais e inmateriais da nosa provincia".

A nova campaña, cuxo lema e imaxe serán presentados en xaneiro, "porá en valor recursos relacionados co turismo rural, co benestar físico e emocional, co turismo de natureza e na que se destacarán roteiros desestacionalizadores como a Ruta das Camelias, a Ruta Arqueolóxica, as Rutas do Viño, todos os camiños que rematan en Compostela e transcorren pola provincia de Pontevedra e rutas de sendeirismo en espazos naturais".

Carmela Silva deu esta información nun encontro telemático mantido este luns co secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.

Esta entrevista produciuse no marco da Mesa de Turismo, o espazo de gobernanza creado pola Deputación de Pontevedra no ano 2018, e nela ambos responsables políticos sentaron as bases dunha relación bilateral entre ambas institucións para identificar os "proxectos verdadeiramente estratéxicos que melloren o destino turístico e permitan reactivar o sector na provincia".

Valdés deu conta das novas liñas de apoio ao sector que ten en marcha e está a preparar o goberno de España e tamén informou que se está a traballar para a xeración de emprego de calidade, mellorar a oferta e o produto, transformar o sector, apostar pola dixitalización do sector público e privado turístico e mellorar o modelo económico e produtivo, reposicionando o destino con plans de sustentabilidade turística ou centrados en aspectos como a conservación e recuperación do patrimonio histórico para uso turístico.

No transcurso da Mesa de Turismo tamén participaron representantes de concellos da provincia, o delegado provincial da Axencia de Turismo de Galicia Felipe Ferrero, a directora do Aeroporto de Vigo Ana Molés, o presidente do Clúster de Turismo Cesáreo Pardal, o presidente da Federación Provincial de Hostalaría da Provincia de Pontevedra César Ballesteros, representantes da Mancomunidade do Salnés, do CFPI Manuel Antonio, da Ruta do viño Rías Baixas e do GALP Ría de Vigo A Guarda.