O Plan Funcional do novo Montecelo dá os primeiros pasos

Pontevedra
23 de xaneiro 2017

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantivo unha reunión con profesionais e forzas sindicais da sanidade pública en Pontevedra para presentarlles ao equipo da empresa adxudicataria encargada de traballar na elaboración do Plan Funcional e o programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario

Reunión do conselleiro de Sanidade con profesionais e forzas sindicais da sanidade pública en Pontevedra Servizo Galego de Saúde

O Plan Funcional e o programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra que marcarán a ampliación do Hospital Montecelo están a dar os seus primeiros pasos. Un deles chegou este luns cunha xuntanza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, con profesionais e forzas sindicais da sanidade pública en Pontevedra para presentarlles ao equipo da empresa adxudicataria encargada de traballar na elaboración deses documentos.

Segundo informou a Consellería de Sanidade a través dun comunicado, nos vindeiros días continuará a presentación a outros colectivos sociais, profesionais e institucionais da área para dar cumprimento á intención do conselleiro de facer un documento coa colaboración de todos os axentes implicados, coa participación de todos os profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e contando cos axentes sociais. 

Sanidade lembra que a previsión é que o Plan Funcional e o programa de espazos estean rematados a finais de maio. O obxectivo é adaptar a estrutura física existente ás necesidades sanitarias da poboación de referencia e dos profesionais a través da elaboración dun novo plan da área de Pontevedra, optimizando a funcionalidade, confortabilidade e habitabilidade dos seus espazos e equipamentos, e o aproveitamento dos recursos enerxéticos e materiais.

O Plan Funcional configura as necesidades e demandas previsibles para realizar a actividade sanitaria de calidade, establecendo o modelo de hospital, a carteira de servizos e o dimensionamento das estruturas e recursos.

O plan de espacios permite a previsión da articulación do funcionamento presente e futuro do centro hospitalario, e ofrece características do deseño final como a flexibilidade de espazos, a articulación entre diferentes áreas ou servizos, e a capacidade e provisión de espazos para a expansión en función da demanda ou da incorporación de novas tecnoloxías, entre outros aspectos.