O pleno de Sanxenxo dá luz verde á proposta para adxudicar o servizo da auga a Espina e Delfín

Sanxenxo
27 de decembro 2022

A sesión abordou a exclusión dun licitador que non xustificou a baixa temeraria da súa oferta

Depuradora de Paxariñas, Sanxenxo Augas de Galicia

O Pleno de Sanxenxo deu luz verde este martes con 11 votos a favor (PP e SAL) e cinco abstencións (Cidadáns, BNG e PSOE) á proposta para adxudicar o servizo da auga a Espiña e Delfín despois de que esta xustificase exhaustivamente a súa oferta. 

A empresa dispón agora de dez días para presentar a documentación requirida e, unha vez que se comprobe, irá a Pleno para a adxudicación definitiva. Un prazo legal que quedará a expensas da presentación de recurso por parte dos licitadores que concorreron ao proceso. A sesión tamén abordou a exclusión dunha das empresas que non xustificou a baixa temeraria da súa oferta.

A actual concesionaria logrou a maior puntuación ao asumir todos os investimentos optativas referentos á ampliación de rede, por valor de 3.820.000 euros e ofrecer un canon anual do 28% do importe facturado durante o exercicio. Unha porcentaxe que case triplica o recollido nos pregos e que supoñería un ingreso inicial para as arcas municipais de case 800.000 euros ao ano, cantidade que se irá incrementando en función do número de usuarios. 

O municipio ten un total de 16.900 vivendas das que 726 (4,3%) carecen de saneamento ou auga. A empresa concesionaria terá que asumir a realización de 80 actuacións valoradas en 11.963.798 euros. O contrato contempla a ampliación da rede de saneamento e auga, con 59 actuacións para dotar destes servizos ás 726 vivendas do rural que carecen de saneamento ou auga; unha segunda que contempla a renovación da rede principal existente con 14 actuacións para substituír tramos vellos e ampliar a capacidade das tubaxes; e unha terceira, con novas infraestruturas de abastecemento de auga con 7 actuacións entre as que destaca a construción dun novo depósito de auga.

A empresa concesionaria terá que completar as 3 fases nos 36 primeiros meses desde o inicio da concesión. A prioritaria é a fase de ampliación da rede de saneamento e auga do rural, por iso o calendario contempla 29 actuacións nos 6 primeiros meses de 2023 e os 30 tramos restantes da primeira fase no segundo semestre do ano.

No primeiros seis meses actuarase en Noalla (Tombelo, Pontes, Quintáns, Aios costeira), Vilalonga (Igrexario, Altamira e Igrexario Lomba), Adina (Poleiros, Rial e Punta Montalvo), Dorrón (Barreiro, Rexenxo e praia de Agra), Nantes (Cancela Pedroño, Pazos e Casal), Bordóns (Chandevila e Sear) e Padriñán (Palacios e Laxe).

Estas actuacións xunto ás previstas no convenio con Acuaes, mellorarán a depuradora e os bombeos de augas residuais, e "converterán a Sanxenxo nun referente no tratamento e depuración das súas augas". O alcalde, Telmo Martín, incidiu  no Pleno que licitar este servizo que podía ser prorrogado foi "un acerto total". O ingreso anual en concepto de canon que recibirá Sanxenxo tras a firma do contrato destinarase á mellora e eficiencia do servizo da auga no municipio.