O pleno debatirá a creación dun centro de atención para persoas sen teito

Pontevedra
23 de xuño 2016

O grupo municipal do BNG presentará unha moción para que se apoie un novo espazo para o centro que xestionaría a asociación de axuda ao toxicómano, Rexurdir Provincial, que actualmente atende nunhas instalacións pequenas na rúa Cruz Vermella  

Persoa sen teito
Persoa sen teito / Mónica Patxot

O grupo municipal do BNG ten previsto presentar unha moción plenaria para apoiar un novo centro de atención ás persoas sen teito de Pontevedra, que sería xestionado pola asociación de axuda ao toxicómano, Rexurdir Provincial, que actualmente atende nunhas instalacións pequenas na rúa Cruz Vermella.

Segundo os informes da Policía Local e dos Servizos Sociais na cidade hai ao redor de 12 persoas sen teito. Na maioría dos casos son homes con problemas de condutas adictivas ou que sofren algún transtorno mental e que son atendidos polos traballadores sociais, a policía local, por diversos programas de voluntariado ou por saúde mental do Hospital Montecelo.

Agora, os nacionalistas propoñen reforzar o traballo do colectivo que leva máis anos realizando traballos de axuda a estas persoas, Rexurdir Provincial, unha entidade creada en 1994.

As novas dependencias que propón o BNG contaría con atención básica alimenticia, ducha, roupeiro, atención xurídica, psicoloxía, laboral e un espazo de formación. Ademais tamén se ofrecería un programa de educación de rúa para detectar casos que valoren a posiblidad de cambiar a vida.

O Concello de Pontevedra, a través do protocolo do frío, ofrece a aquelas persoas que non queren pernoitar nos albergues habilitados, sacos de durmir térmicos, roupa limpa e de abrigo.