O polbo segue a ser 'trending topic' na Festa do Marisco do Grove

O Salnés
08 de outubro 2019

Os organizadores da cita gastronómica presentaron o cartel da Festa do Marisco do próximo ano na carpa de degustación do mercado

Os organizadores da Festa do Marisco do Grove presentan o cartel da cita gastronómica do 2020 Concello de O Grove

O marisco segue sendo protagonista no Grove, pero unhas especies máis que outras. Entre as preferencias dos consumidores, o polbo segue sendo o prato preferido. As racións deste cefalópodo xa arrasaran na primeira fin de semana de celebración, pero a tendencia mantense neste comezo de semana.

Durante a xornada de luns servíronse un total de 7.285 racións e con 414 platos vendidos, o polbo volveu ser líder de vendas. Non quedaron lonxe os mexillóns, con 392 comandas; nin o arroz de marisco, con 329. Entre as preferencias dos clientes atópanse tamén as empanadas, as navallas ou as vieiras.

Con todo, os vendedores están a constatar que outros produtos con menor demanda como o percebe, a nécora ou o camarón están repuntando. Ademais unha especie menos común nas Rías Baixas como é o cangrexo real está xa esgotado a pesar de que aínda queda toda a semana de festa.

A de hoxe foi unha xornada de estreas posto que a organización do evento presentou en sociedade o cartel promocional da próxima Festa do Marisco. A lona, de grandes dimensións, pode observarse na carpa de degustación do mercado e para esta noite está prevista a actuación da Banda do Sequío.