O pontevedrés Xabier Fortes será o encargado de dirixir 'Los desayunos de TVE'

Pontevedra
10 de agosto 2018

O xornalista enviou un saúdo a través do seu perfil na rede social Twitter agradecendo as mensaxes de apoio que estaba a recibir e defendendo a radiotelevisión pública. O seu post remata cun simpático "Abrazos muy 'Fortes' desde Pontevedra!"

Xabier Fortes
Xabier Fortes / Mónica Patxot

O xornalista pontevedrés Xabier Fortes será a partir de setembro o director de 'Los desayunos de TVE'. Trátase dunha das primeiras decisións de Begoña Alegría, a nova directora de informativos da televisión pública, segundo avanzaba El País.

Fortes releva no cargo a  Sergio Martín e poñerase á fronte dun dos postos de maior responsabilidade dentro do ente ao encargarse dun dos programas que se converteu nun buque insignia da súa grella. O pontevedrés fora destituído en agosto de 2012 do seu posto como director e presentador no programa La Noche na canle 24 Horas. O seu posto curiosamente fora ocupado por  Sergio Martín.

Na actualidade, Xabier Fortes traballaba na súa praza na delegación de Galicia, ademais de ser integrante do Consello de Informativos de Televisión Española, desde nos últimos tempos converteuse na cara máis crítica coa dirección anterior denunciando, en numerosas ocasións, a manipulación nos espazos informativos. En 2017 recibía o Premio Ondas ao mellor presentador e este sábado, no inicio das Festas da Peregrina, será o centro de atención no encontro de Amigos de Pontevedra no Pazo da Cultura onde van entregarse os tradicionais premios dos que é un dos principais promotores.

O xornalista manifestaba na rede social Twitter o seu agarimo con todas as persoas que, desde que se coñeceu a noticia, enviáronlle mensaxes de felicitación