O Porto de Marín, referente mundial para a distribución de compoñentes eólicos

Marín
01 de abril 2017

Desde a Autoridade Portuaria indican que o porto converteuse nun centro loxístico de primeira orde para a recepción, manipulación e distribución de compoñentes de aeroxerados para países de todo o mundo cunha media anual de máis dun milleiro de pezas de grandes dimensións embarcadas para a súa exportación

Compoñentes eólicos no Porto de Marín Autoridade Portuaria de Marín

Durante esta semana, o porto de Marín rexistrou un almacenamento de ata 180 seccións de aeroxeradores que xa se embarcaron para o seu destino. O movemento deste tipo de elementos eólicos converteuse nun dos puntos estratéxicos máis importantes do tráfico portuario. España é o terceiro país en exportacións de compoñentes eólicos e o Porto de Marín pasou a ser un dos principais referentes.

Durante 2016, este tráfico incrementouse nun 42% respecto ao ano anterior. En 2017, as cifras continúan evolucionando na mesma dirección. A maior parte da mercadoría, segundo a Autoridade Portuaria, que se exporta desde Marín procede de fábricas situadas en Galicia e Castela León a través da consignataria Grupo Nogar.

Os últimos materiais trasladáronse aos portos de Burns Harbor, no Estado de Indiana (EEUU) e a Beaumont, en Texas.

Segundo a Autoridade Portuaria, este tráfico require de operativos complexos para mover as pezas que chegan a través de transportes especiais. Alcanzan ata 40 metros de lonxitude e 80 toneladas de peso. O Grupo Nogar ten dous guindastres automóbiles que cargan unha media de 20 seccións por barco.