O PP critica que a Deputación "só vende fume" xa que non ten "obras propias"

Pontevedra
29 de novembro 2018

Os deputados populares Ángel Moldes e Belén Cachafeiro sinalaron en rolda de prensa que despois de tres anos e medio de mandato "o goberno de Carmela Silva non deixa ningunha pegada boa nesta provincia", polo que conclúe que foron "incapaces de xestionar os recursos provinciais"

Os deputados populares Ángel Moldes e Belén Cachafeiro
Os deputados populares Ángel Moldes e Belén Cachafeiro / PP Provincial

O grupo provincial do Partido Popular criticou ao goberno da Deputación de Pontevedra porque "só vende fume" xa que non ten "obras propias".

Os deputados populares Ángel Moldes e Belén Cachafeiro sinalaron en rolda de prensa que despois de tres anos e medio de mandato "o goberno de Carmela Silva non deixa ningunha pegada boa nesta provincia", polo que conclúe que foron "incapaces de xestionar os recursos provinciais".

O voceiro do PP provincial, Ángel Moldes, afirmou que no goberno bipartito "están máis pendente dos titulares e do postureo, que en xestionar e plasmalas en investimentos reais".

Neste sentido destacou que "hai dúas formas claras de gobernar", a do Partido Popular cando "había realidades en cada recuncho desta provincia" e a do actual executivo provincial na que "só hai roldas de prensa e cifras en titulares".

Moldes denunciou que con este goberno provincial "os proxectos non saen adiante" e asegurou que este ano "máis da metade do orzamento quedará sen executar".

Os deputados do Partido Popular adiantaron que no pleno provincial deste venres debaterase a prórroga de oficio do Plan Concellos do ano pasado, criticando que a Deputación non aproba os proxectos "e o tempo se bota enriba dos concellos para executalos", unha situación que xa denunciaron algúns alcaldes.

Os populares tamén sinalaron que a Deputación só gastou o 35% do orzamento dispoñible para obras en estradas provinciais e sumaron a esta "falta de xestión" o plan de bolseiros nas oficinas de turismo "que foi un fracaso" ou o plan de prácticas laborais que aínda non se convocou.