O PP critica que non se instalase o saneamento antes do asfaltado de Médico Ballina

Pontevedra
22 de outubro 2014

Segundo o voceiro popular, o Adif estivo agardando varios meses para que o Concello cumprira coa instalación da tubaría, pero dado que isto non se produciu e ante as queixas dos veciños, Moreira solicitou a Adif que procedera ao asfaltado sen máis demora

Jacobo Moreira achegouse a rúa Médico Ballina PP de Pontevedra

Sen esperar á Comisión Técnica de Seguemento das obras do Tren de Alta Velocidade que tratará este asunto o vindeiro martes, o portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira, achegouse este mércores ata Lérez para comprobar o estado da rúa Médico Ballina tras os traballos de asfaltado que se levaron a cabo nos últimos días.

Moreira criticou que non se aproveitara a obra para instalar unha tubaría de abastecemento de auga que permita habilitar este servizo nas vivendas.

En varias ocasións o Partido Popular solicitou ao Concello de Pontevedra que colocase este conduto, a primeira no mes de agosto e a última fai dez días, cando se confirmou que Adif levaría a cabo o asfaltado desta zona.

"O tempo para que instalaran esta canalización esgotouse. O que non pode ser é que despois de botar o aglomerado chegue o Concello e volva levantar o asfaltado ocasionando novas molestias aos veciños ", sentenciou Jacobo Moreira.

Segundo o voceiro popular, o Adif estivo agardando varios meses para que o Concello cumprira coa instalación da tubaría, pero dado que isto non se produciu e ante as queixas dos veciños, Moreira solicitou a Adif que procedera ao asfaltado sen máis demora.