O PP de Barro denuncia ante a Fiscalía o goberno do BNG e PSOE por unha desviación de 69.848 nas obras da piscina

Barro
19 de maio 2019

José Antonio Landín Eirín, candidato do PP á alcaldía de Barro, sinala na denuncia que se infrinxiron as bases do proxecto técnico e da adxudicación que prohibía modicacións á proposta inicial

Intervención de José Antonio Landín Eirín ante o alcalde Xosé Manuel Abraldes nun pleno de Barro Diego Torrado

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Barro, José Antonio Landín Eirín, que foi anteriormente alcalde do municipio presentou ante a Fiscalía unha denuncia polo que entende é unha desviación de 69.848 euros nas obras da piscina municipal.

Segundo relata na denuncia en setembro de 2017 aprobábase polo pleno o proxecto técnico para levar a cabo esta obra. Este proxecto era redactado polo aparellador do  Concello, Ricardo Sobral e foi adxudicado á empresa Construcións Messi, con sede en Meaño. Esta adxudicación facíase por un importe de 242.942 euros.

Landín  Eirín afirma que o 2 de abril deste 2019, o Concello de Barro aprobou o proxecto "Piscina pública municipal modificado". Segundo explica o representante do PP tratábase dunha modificación "vulgar" por unha cantidade de 53.340 euros, máis dun 21% do orzamento de adxudicación cuxo proxecto inicial xa fora executado nun 80%.

O candidato do PP indica que con esta intervención se infrinxiron as bases do proxecto técnico e da adxudicación que prohibían modificado algún. Landín denuncia que estas partidas do modificado xa estaba previstas no proxecto técnico da obra e, por tanto, supoñerían unha duplicación en beneficio do contratista. Engade tamén que a xunta de goberno de Barro aprobou a certificación de obra con medicións inexactas que alteraron o prezo total das unidades de obra "en beneficio do contratista". A cifra desta alteración ascende a 34.369, segundo Landín, que afirma que a  Deputación Provincial a través dunha comisión presidida por un deputado e asesorada por un técnico supervisou as obras. 

Landín  Eirín no escrito enviado a Fiscalía sinala como responsables ao alcalde José Manuel Fernández Abraldes e aos demais membros da corporación que votaron a favor; ao aparellador municipal Ricardo Sobral; ao presidente da empresa; ao técnico da  Deputación e ao deputado que supervisaron a obra.