O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, anunciou que o domingo, 10 de xaneiro ás 11.00 horas, terá lugar unha manifestación con vehículos e percorrerán todas as parroquias do municipio en protesta pola subida de impostos aprobada no pasado Pleno cos votos dos tres grupos que componen o goberno local (BNG + PSOE + Avante Poio).
O punto de encontro desta manifestación será ás 11:00 horas na Seca e percorrerá a PO-308 en dirección a Campelo, baixará ao Porto de Campelo, irá a Lourido, á Avenida Andurique, á Avenida da Barca para logo ir dirección Combarro, Samieira, Raxó e regreso á Seca.
Os populares fan un chamamento aos participantes para que cumpran estrictamente coa normativa vixente.
"A manifestación en protesta á subida de impostos en Poio será en vehículos para así garantir todos os protocolos de seguridade da normativa derivada do covid e conta coas autorización pertinentes da Subdelegación de Goberno de Pontevedra", afirmou Moldes.
"Organizamos esta manifestación rodada como protesta pola subida de impostos aprobada polo Tripartito nun momento como o que estamos a vivir a causa do covid-19 e tendo en conta que xa pagamos os impostos máis caros de Galicia", dixo o concelleiro do PP.
Os populares argumentan que a mellor defensa dos autónomos, pemes, empresas e familias de Poio "é unha baixada real de impostos", algo que xa levan reclamando e defendendo desde que comezou esta crise sanitaria e económica "pero nunca subindo os impostos como pretende facer o Tripartito coas viñetas a todos os vehículos de Poio ou nas casas deshabitadas de Poio".