O PP de Poio impugna os acordos aprobados polo Pleno relativos á subida de impostos

Poio
04 de xaneiro 2021

O portavoz do PP de Poio Ángel Moldes vén de anunciar que o seu grupo municipal presentou por rexistro a impugnación dos acordos tomados no pasado Pleno relativos á subida do imposto de bens inmobles (IBI), e do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) "por estar os expedientes incompletos e por non cumprir coa lexislación vixente ao non incorporar o estudo técnico-económico"

Ángel Moldes, alcalde de Poio
Ángel Moldes, alcalde de Poio / PP de Poio - Arquivo

O portavoz do PP de Poio Ángel Moldes vén de anunciar que o seu grupo municipal presentou por rexistro a impugnación dos acordos tomados no pasado Pleno relativos á subida do imposto de bens inmobles (IBI), e do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) "por estar os expedientes incompletos e por non cumprir coa lexislación vixente ao non incorporar o estudo técnico-económico".

Ángel Moldes afirmou que no PP "imos intentar por todos os medios que a subida do IBI e das ‘viñetas’ dos vehículos non se apliquen en Poio e por iso impugnamos estes dous acordos tomados polo Tripartito xa que o expediente non reúne cos requisitos esixidos pola lei".

Os populares aseguran que "existe a obriga legal, e así o acredita reiterada doutrina do Tribunal Supremo que insiste na necesidade de incorporar este estudo técnico-económico que o Tripartito non quixo incorporar pese a que o PP de Poio o solicitou na Comisión de Facenda previa ao Pleno".

Moldes engade que "este é o maior exemplo da falta de previsión do Tripartito xa que aplican subidas de impostos sen realizar ningún tipo de estudo nin previsión".

Por último os populares explican que esta impugnación ante ao Pleno do Concello é independente da denuncia formal ante aos Xulgados para anular ao recargo do 25% do IBI ás vivendas baleiras.