O PP di que a Deputación "non ten todos os terreos cedidos" na avenida Luis Rocafort

Sanxenxo
03 de abril 2017

O voceiro provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, acusa ao goberno provincial da Deputación de Pontevedra de "mentir" sobre o proxecto da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo

Ángel Moldes, Nidia Arévalo e Luis Aragunde
Ángel Moldes, Nidia Arévalo e Luis Aragunde / Monica Patxot

O voceiro provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, acusa ao goberno provincial da Deputación de Pontevedra de "mentir" sobre o proxecto da avenida Luis Rocafort, en Sanxenxo. O deputado sinala que a día de hoxe non teñen todos os terreos cedidos, ao contrario do que o goberno afirmou no último pleno provincial, no que asegurou ter o cen por cento dos terreos a disposición tras unha pregunta realizada polo grupo PP.

"Nin teñen todos os terreos cedidos, nin todos cumpren coa alineación ao PXOM", apunta Moldes, que explica que "a realidade é que hai entre cinco e sete terreos pendentes, e nalgúns casos, os propietarios están dispostos a ceder terreo pero non todo o necesario segundo o que indica o plan xeral".

"Están mentindo, no pleno de Sanxenxo din unha cousa e na Deputación, outra". Para o voceiro popular a única explicación é que "non queren recoñecer o fracaso da súa xestión, levan dous anos a voltas con un proxecto que xa tiña que estar rematado".

Pero ademais, recorda, unha das razóns que deu o goberno provincial para rexeitar a proposta anterior foi, precisamente, que non estaban todos os terreos a disposición e que algúns deles non cumprían coa alineación do PXOM.

Nesta liña, di que "sempre queren dar leccións de boa xestión, pero o certo é que estamos ante o primeiro proxecto propio que o bipartito pon en marcha en preto de dous anos e o fai sen consenso, cunha plataforma veciñal en contra e con mentiras".