Deputación e Sanxenxo botan un pulso polos aparcadoiros en Luís Rocafort

Sanxenxo
27 de abril 2017

A Deputación provincial e o Concello de Sanxenxo protagonizan unha polémica a raiz da reforma da rúa Luís Rocafort

Gonzalo Pita e Uxío Benitez
Gonzalo Pita e Uxío Benitez / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo protagonizan unha polémica a raiz da reforma da rúa Luís Rocafort.

Primeiro o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, de SAL, reclamou a modificación do proxecto de reforma da avenida para incorporar 20 prazas de estacionamento en batería, facendo súas as reivindicacións da plataforma co argumento de que son "pequenas cuestións" que non supoñen a paralización da obra.

Agora acáballe de responder o deputado de mobilidade, Uxío Benítez (BNG) rexeitando modificacións no proxecto "consensuado, elaborado e traballado durante anos entre a Deputación e o Concello", asegurando que Gonzalo Pita "é novato como alcalde e iso lévalle a non ter seguridade nas decisións que toma".

Un dos aspectos que menos gustou a Benitez da comparecencia urxente a pié de obra do rexedor sanxenxino foi que se puxese a facer probas de xiro cun autobús "o que non pode ser é que persoas alleas á obra se poñan a facer probas. Paréceme algo lamentable", afirmou o deputado.

"Que estea tranquilo o alcalde que o autobús vai poder pasar, tal e como estivo previsto sempre", sinalou.

Uxío Benítez lembrou que a renovación da rúa aposta por un modelo sustentable que dá  prioridade á mobilidade das persoas, especialmente dos colectivos máis vulnerables, como os nenos, persoas maiores ou cidadáns con discapacidade "que son os que menos ruído fan", sinalou en referencia á plataforma.

"Anímolle a asistir á conferencia de Francesco Tonucci", engadiu.

"O proxecto está deseñado con esa filosofía e non temos intención algunha de modificalo. Se quere, que solicite unha paralización, algo que non fixo. Que se aclare", concluíu.