O tripartito de Sanxenxo salta polos aires e coloca a Telmo Martín preto da Alcaldía

Sanxenxo
19 de maio 2017

O Partido Popular está preto de recuperar a Alcaldía de Sanxenxo. O tripartito, formado por SAL, BNG e PSOE, saltou polo aire polas súas discrepancias internas. O alcalde, Gonzalo Pita, ten previsto cesar este venres aos concelleiros nacionalistas e socialistas que forman parte do goberno municipal. Explicarao posteriormente nunha rolda de prensa

David Otero, Gonzalo Pita e Coral González-Haba
David Otero, Gonzalo Pita e Coral González-Haba

O Partido Popular está preto de recuperar a Alcaldía de Sanxenxo. O tripartito, formado por SAL, BNG e PSOE, saltou polo aire polas súas discrepancias internas. O alcalde, Gonzalo Pita, ten previsto cesar este venres aos concelleiros nacionalistas e socialistas que forman parte do goberno municipal. Explicarao posteriormente nunha rolda de prensa.

A intención de Pita é negociar un novo pacto de goberno co PP de Telmo Martín. Segundo explica o xornalista Fernando Martínez en Faro de Vigo, ambas as formacións reuníronse este xoves para avanzar nos termos do seu acordo. En principio, todo apunta a que SAL cedería a Alcaldía aos populares.

Este hipotético novo goberno estaría formado polos oito edís do PP e por tres dos catro concelleiros de SAL. Na asemblea que este partido celebrou o pasado mércores para explicar aos seus afiliados a situación, a edil Vanessa Rodríguez, responsable de Seguridade Cidadá, mostrou o seu rexeitamento ao acordo cos populares e podería non seguir no executivo.

O detonante da ruptura do tripartito parece ser a reforma da avenida Luís Rocafort, unha obra impulsada pola Deputación e á que se opoñía, nos seus termos actuais, o alcalde, Gonzalo Pita. A actuación era defendida polos seus socios de goberno. Estas discrepancias fixéronse públicas nas últimas semanas, con reproches desde ambos os bandos.

Con esta decisión ponse fin a un goberno municipal que, xa en maio de 2016, apenas un ano despois das eleccións, perdía a maioría absoluta ao abandonalo Roberto Agís, concelleiro de Sanxenxo Pode, tamén por problemas co resto dos seus compañeiros.

Telmo Martín sitúase así moi preto de ser alcalde de Sanxenxo por terceira vez. Xa o foi entre os anos 1999 e 2006, antes de tentar sen éxito desbancar a Miguel Anxo Fernández Lores e ao BNG da Alcaldía de Pontevedra en dúas ocasións. Nas eleccións municipais de 2015 regresou a Sanxenxo para substituír a Catalina González á fronte da candidatura do PP.