"O concepto de lealdade que el entende é apuñalar por detrás aos seus socios de goberno e xurar pleitesía a Telmo Martín"

Sanxenxo
19 de maio 2017

Os portavoces do BNG e PSdeG en Sanxenxo, David Otero e Coral González-Haba, cualificaron de "traizón" o pacto de goberno asinado polo actual rexedor Gonzalo Pita (SAL) co Partido Popular, polo que Telmo Martín será o novo alcalde

Coral González Haba (PSdeG) e David Otero (BNG)
Coral González Haba (PSdeG) e David Otero (BNG) / PontevedraViva

Os portavoces do BNG e PSdeG en Sanxenxo, David Otero e Coral González-Haba, cualificaron de "traizón" o pacto de goberno asinado polo actual rexedor Gonzalo Pita (SAL) co Partido Popular, polo que Telmo Martín será o novo alcalde.

A portavoz socialista, Coral González-Haba, entende o ocorrido como "una traición a todos los vecinos de Sanxenxo que apostaban por el cambio" e sinalou que a postura de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL) é "de una incoherencia total y de una cobardía notoria por parte del alcalde".

O nacionalista David Otero explicou que tivo noticia este xoves desta "pinza" entre populares e liberais "a través das redes sociais" e agradeceu á concelleira Vanessa Rodríguez que lle informase do que estaba a ocorrer porque "foi a única persoa do grupo de SAL que se dignó a falar connosco".

"Ata ese instante, Gonzalo Pita non se dirixiu a nós para aclarar absolutamente nada", sinalou.

David Otero afirmou que o portavoz do Partido Popular, Telmo Martín, levaba tentando alcanzar o goberno local desde o inicio do mandato e que finalmente "o eslabón débil do goberno era Gonzalo Pita", asegurou o edil do BNG que reprochou a "insolvencia política" do actual alcalde e a súa "claudicación".

Sen coñecer os argumentos esgrimidos por Sanxenxo Agrupación Liberal para romper o pacto de goberno, David Otero tan só referiuse á suposta "deslealdade" da que Gonzalo Pita culpou aos seus socios sinalando que "o que se acaba de demostrar é que acaba de xurarlle lealdade, non sabemos ata cando, a Telmo Martín" polo que asegurou que "o concepto de lealdade que el entende é apuñalar por detrás aos seus socios de goberno e xurar pleitesía a Telmo Martín", sentenciou.

Finalmente David Otero cuestionou que o detonante deste "triste episodio" fose a diferenza de criterios respecto da reforma da avenida Luís Rocafort. "Un ás veces necesita mentirse a si mesmo, supoño", dixo o portavoz do BNG. "Isto non ten nada que ver con 20 prazas de aparcadoiro" senón que "isto é a traizón aos veciños de Sanxenxo", insistiu.