O portavoz de SAL, Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo ata que formalice a súa renuncia en pleno o vindeiro luns, cualificou de "foco radical" aos militantes do seu partido contrarios ao pacto que acaba de asinar co Partido Popular e no que lle cede a alcaldía a Telmo Martín.
Nunha rolda de prensa convocada con carácter "urxente" Gonzalo Pita, acompañado do presidente de Sanxenxo Agrupación Libreal, o concelleiro Jesús Sueiro, quixo saír ao paso da decisión adoptada pola asemblea xeral organizada este xoves por catro membros da xunta directiva de SAL, asegurando que a reunión "carece de validez" ao ser convocada fóra de tempo e forma. "A maioría eran amigos e familiares de Vanessa Rodríguez", engadiu.
Pita indicou que dita asemblea estaba conformada por un "grupo minoritario que non é digno de levar as siglas do partido porque non é liberal".
Ademais Gonzalo Pita afirmou que "o que non vou consentir son actitudes como as que vin" e engadiu que na súa formación política "non pode haber ameazas nin faltas de respecto" apuntando que lle parece "moita casualidade" que coincidise co remate da asemblea a aparición de carteis con "descualificacións moi graves" dirixidas cara a el e os edís de SAL Jesús Sueiro, Daniel Fernández e o concelleiro non adscrito, Roberto Carlos Agís.
VANESSA RODRÍGUEZ
Noutra comparecencia ante os xornalistas convocada tamén este xoves a concelleira Vanessa Rodríguez dixo sentirse "respaldada" pola militancia do seu partido que expresou en asemblea o seu rexeitamento ao pacto co PP polo que continuará en SAL aínda que non votará a favor de ceder a alcadía a Telmo Martín.
Ademais lamentou a existencia dos polémicos carteis que considera "nefastos".