Tras a crise política que levou á ruptura do goberno tripartito de Sanxenxo e as posibles relacións desta situación coa obra que promove a Deputación de Pontevedra na avenida Luís Rocafort, os portavoces do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, mostráronse moi críticos coa actuación da institución provincial e cos "insultos "e a "prepotencia" que atribúen ás súas presidenta e vicepresidente, Carmela Silva e César Mosquera.
"É a primeira vez que unha Deputación colabora para destruír un goberno", criticaron ante os medios, asegurando que, en contra do que asegurou Carmela Silva nos últimos días, a obra de Luís Rocafort si foi o detonante dos desencontros entre os grupos do BNG e o PSOE en Sanxenxo e SAL, o grupo liberal co que compartían goberno e partido do alcalde, Gonzalo Pita.
Os portavoces do PP aseguran que Carmela Silva "faltou ao respecto ao alcalde de Sanxenxo" e non foi a única do seu goberno provincial, senón que "un deputado lle dicía que era novato e outro o acusou de baixarse os pantalóns diante dous veciños" e todo mentres a presidenta "calaba".
Ante tal comportamento e unha actitude por parte dos socios de goberno na Deputación, PSOE e BNG, que cualifican de "de risa, de falta de respecto e de prepotencia", produciuse ao ruptura de goberno, na que, tras expulsar aos seus socios, SAL pactou co PP.
En relación coas declaracións de Carmela Silva de que 19 prazas de aparcadoiro -as que se eliminan en Luís Rocafort- non poden romper un goberno municipal, Moldes matizoulle que, efectivamente, "un goberno non rompe por 19 prazas de estacionamento, un goberno rompe cando non se atende, cando se insulta e cando non se lle dá nin respostas nin solucións".
Respecto diso, explicou que o alcalde de Sanxenxo solicitou unha reunión con Carmela Silva que non lle foi concedida e a presidenta "estivo desaparecida e apareceu cando xa tiñan o goberno perdido".