O PP esixe transparencia sobre a localización dos composteiros en Monte Porreiro e Campolongo

Pontevedra
22 de novembro 2017

Ademais, os populares esixen saber tamén o número de composteiros comunitarios que o Concello ten pensado instalar no barrio de Campolongo e a súa localización

Concentración veciñal de protesta contra composteiros preto do parque infantil de Monte Porreiro
Concentración veciñal de protesta contra composteiros preto do parque infantil de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular esixe ao goberno local información sobre a localización dos composteiros comunitarios en Monte Porreiro así como o número definitivo de unidades modulares que van a instalar no barrio.

Os populares piden "transparencia" nesta decisión e que "manteñan en todo momento informados aos veciños sobre os avances que van acadando" para que "non volva a ocorrer a mesma situación de desinformación".

"O BNG debe dar a cara con estes veciños e explicarlles todos os pasos que vai dando sobre este asunto", apuntou o voceiro do PP, Jacobo Moreira.

Ademais, os populares esixen saber tamén o número de composteiros comunitarios que o Concello ten pensado instalar no barrio de Campolongo e a súa localización.