O PP insta a Lores a reunirse cos veciños de Eduardo Pondal

Pontevedra
10 de abril 2018

"Cantos días máis vai seguir Lores sen recibir aos preto de mil veciños que xa asinaron contra a instalación de composteiros comunitarios nas inmediacións da rúa Eduardo Pondal?", pregunta Jacobo Moreira tras facerse eco das queixas dos cidadáns

Protestas ante os composteiros de Eduardo Pondal e Ponte Boleira
Protestas ante os composteiros de Eduardo Pondal e Ponte Boleira / PontevedraViva

A polémica dos composteiros en Pontevedra non parece ter un final a curto prazo. Tras a indignación dos veciños de Eduardo Pondal ante a instalación dunha estación de compostaxe nesta rúa e o apoio do Partido Popular ás queixas, o portavoz Jacobo Moreira informou de que no próximo pleno municipal pediralle explicacións ao alcalde sobre este tema.

O grupo popular afirma apoiar ás "cada vez máis persoas que expresan o seu malestar sobre esta imposición do goberno de Lores", e acúsaos de utilizar á Policía Local para amedrentar os veciños que saen á rúa para protestar.

Moreira insta o goberno local a "deixar de buscar escusas e falsear información" e denuncia unha "actitude autoritaria e caciquil, máis propia doutros tempos que pensabamos que Lores quería esquecer".

A este respecto, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que a instalación dos módulos comunitarios de compostaxe é unha "decisión política" como foi no seu día a peonalización da cidade. Engadiu que se están colocando "onde os demanda a xente", aínda que entende que neste tipo de temas "nunca hai unanimidade".

Fernández Lores citou como "obxectivo" o feito de que o goberno municipal tivo que ampliar o número de composteiros porque se encheron "antes do previsto" e volveu a negar que produzan molestias para os cidadáns porque "está demostrado que non cheiran".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora