O PP levará a pleno unha moción sobre "os continuos ataques de Abel Caballero a Pontevedra"

Pontevedra
16 de marzo 2016

O portavoz popular, Jacobo Moreira, afirma que Pontevedra non pode quedarse calada e ten que defender a integridade de toda a provincia e a blindaxe da cidade como capital. Critica, ademais, o silencio de Fernández Lores

Jacobo Moreira realizando unha pregunta a Fernández Lores no Pleno
Jacobo Moreira realizando unha pregunta a Fernández Lores no Pleno / Mónica Patxot

O grupo municipal do Partido Popular quere responder ao que entenden como ataques á capitalidade de Pontevedra por parte do alcalde de Vigo. Por este motivo, levarán unha moción ao próximo pleno no que buscarán o apoio da corporación municipal para manifestar o rexeitamento ante a intención de Abel Caballero de converter a Vigo na quinta provincia galega en detrimento de Pontevedra.

Jacobo Moreira considera que Pontevedra "non pode quedar calada" e debe defender a integridade de toda a provincia e a "blindaxe" da cidade como capital. Por ese motivo, ataca ao alcalde da cidade sinalando que Lores "non pode seguir gardando silencio" ante a utilización da área metropolitana para que Vigo para quitar a capitalidade a Pontevedra en lugar de tentar obter mellores servizos para Vigo e os concellos próximos.

O portavoz do PP afirma que Abel Caballero, alcalde de Vigo, xa quixo arrebar a capitalidade do partido xudicial. Ademais, asegura que Carmela Silva á fronte da Deputación tamén está a atacar a cidade.