O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, criticou este mércores a "falta de transparencia" amosada polo BNG na comisión de Economía e Facenda de Pontevedra, que xa cuestionara no seu día o voceiro 'popular' na citada comisión, Rafael Domínguez. Ante tal situación, anunciou que solicitará ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que informe sobre todos os detalles da misión comercial a México prevista para o mes de agosto.
Segundo indicou, farao a través dunha interpelación no vindeiro pleno da corporación e espera atopar resposta a cuestións como o obxectivo que se marca o goberno local con esta viaxe, a axenda institucional prevista, os contactos previos ou cales son as empresas ás que se convidou a participar e o procedemento levado a cabo para a súa selección.
Amósase moi crítico coa "opacidade" do grupo municipal nacionalista na comisión de Economía, pero considera que a falta de transparencia xa é previa e que todo este asunto estivo rodeado por sombras desde un principio .
A pesar de que as asociacións empresarias da cidade xa indicaron que houbo un malentendido que os levou a criticar a misión comercial e que agora xa consideran solucionado todo, o PP segue a preguntarse "por que o BNG de Lores non contactou dende un primeiro momento coas asociacións empresariais da nosa cidade?".
Moreira explica que preguntarán a Lores por todas as cuestións que a concelleira encargada da área de Promoción Económica, Anabel Gulías, non quixo contestar e confían en que "non se poña de perfil e resolva todas as dúbidas".