O PP pedirá en Pleno ao goberno local que dote de orzamento o saneamento de Mourente

Pontevedra
05 de xuño 2014

En opinión dos concelleiros 'populares', a situación "xa é alarmante", pois as fosas sépticas están cheas e prodúcense verteduras e continuos cheiros ao longo da estrada. A situación afecta a 136 casas e preto de 500 veciños

Reunión de concelleiros do PP con veciños de Mourente PP de Pontevedra

O PP de Pontevedra levará ao vindeiro Pleno da Corporación unha moción relativa ao saneamento da parroquia de Mourente co fin de intentar que o goberno local "habilite dunha vez por todas" unha partida orzamentaria para poder comezar os traballos para instalar a rede de sumidoiros.

O voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, e os concelleiros María José Rodríguez e César Abal reuníronse o mércores cun grupo de veciños de Mourente para coñecer as súas reclamacións, das que anunciaron xa nos últimos días que levarán á rúa a través de mobilizacións.

Segundo informou o grupo nunicipal do Partido Popular a través dun comunicado, os residentes nos lugares de O Pazo, Carabelos e Eirós, no contorno da estrada N-541, levan moitos anos demandando que se constrúan estes servizos municipais que "o Concello lles segue negando".

En opinión dos concelleiros 'populares', a situación "xa é alarmante", pois as fosas sépticas están cheas e prodúcense verteduras e continuos cheiros ao longo da estrada. A situación afecta a 136 casas e preto de 500 veciños.

Ao respecto, Jacobo Moreira transmitiulles o seu compromiso por trasladar o asunto ao pleno para que o Concello "actúe canto antes". Critica que as competencias para executar estas obras son exclusivamente municipais e o goberno local "tivo 15 anos para acordarse destes veciños e facer fronte a este problema".

"Non é unha obra de luxo, trátase dun servizo básico e necesario para os veciños que non pode contemplar máis demora e así llo esixiremos ao goberno municipal", indicou.