O PP pedirá no pleno que os afectados pola crise sanitaria non paguen impostos e taxas

Pontevedra
17 de abril 2020

O PP entende que "urxe" protexer a autónomos e pemes que, desde hai un mes, non teñen actividade algunha. Por iso, unha das medidas que propoñerán no próximo pleno é que os sectores afectados queden exentos de pagar todos os impostos e taxas municipais

Pleno municipal no Teatro Principal
Pleno municipal no Teatro Principal / Cristina Saiz

O goberno municipal de Pontevedra, segundo o Partido Popular, "segue sen tomar medidas" para protexer o tecido produtivo da cidade e axudar a sectores "golpeados drasticamente" pola declaración de estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus.

O PP entende que "urxe" protexer a autónomos e pemes que, desde hai un mes, non teñen actividade algunha. Por iso, unha das medidas que propoñerán no próximo pleno é que os sectores afectados queden exentos de pagar todos os impostos e taxas municipais.

Isto debe facerse, engade o concelleiro Gerardo Pérez Puga, polo menos desde a declaración do estado de alarma e mentres dure a actual situación de crise sanitaria.

As moratorias nalgúns impostos e taxas municipais "non responden á realidade que necesitan os nosos autónomos e pemes", defende Pérez Puga, especialmente nunha cidade na que a hostalería e o sector servizos ten o maior peso no PIB municipal nas sete grandes cidades galegas.

"Non é entendible que mentres numerosos concellos de todas as cores políticas xa tomaron medidas de exención de taxas e impostos municipais e mesmo bonificacións ou axudas directas ao pequeno comercio e autónomos, Pontevedra siga mirando a outro lado", engade o concelleiro do PP.

Tras revisar a liquidación do orzamento de 2019, o PP entende que o Concello ten recursos para axudar "inmediatamente" a veciños e comerciantes, diñeiro ao que suma o aforro que para as arcas municipais provoca a cancelación de eventos polo coronavirus.