O PP pide a nulidade da aprobación inicial do orzamento do Concello

Pontevedra
16 de xaneiro 2017
Actualizado: 13:27

O concelleiro popular, Rafael Domínguez, compareceu este luns en rolda de prensa para explicar que o grupo municipal do PP acaba de presentar unha reclamación ao entender que existen "irregularidades" no procedemento "por non axustarse a súa elaboración e aprobación aos trámites establecidos" na lei, "infrinxindo a normativa vixente"

Rafael Domínguez, concelleiro do Partido Popular PontevedraViva

O Partido Popular pide a nulidade do acordo plenario no que o goberno local do BNG, grazas ao apoio de Marea, conseguiu aprobar o orzamento xeral do Concello de Pontevedra.

O concelleiro popular, Rafael Domínguez, compareceu este luns en rolda de prensa para explicar que o grupo municipal do PP acaba de presentar unha reclamación ao entender que existen "irregularidades" no procedemento "por no haberse ajustado su elaboración y aprobación a los trámites establecidos" na lei, "infringiendo la normativa vigente".

Por unha banda, o PP considera que a convocatoria da sesión extraordinaria do pleno foi "irregular" posto que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores "hablaba de bloqueo y rigidez" para non dar posibilidade de votación das emendas presentadas polos grupos da oposición no concello "siendo esto contrario a los más elementales principios de la democracia". 

Ademais entenden que o debate e a votación dos orzamentos "no fue el que debería haber sido". É dicir, non se votou o proxecto de orzamentos resultante do ditame da comisión de economía e facenda senón o do BNG, formulado pola xunta de goberno polo que acusan o goberno local de "impedir el debate y la votación de las enmiendas" da totalidade dos grupos políticos.

Rafael Domínguez asegurou que esta forma de actuar por parte do goberno local é un "pésimo precedente" un "antecedente terrorífico" polo que "no descarto ir al contencioso administrativo o al Tribunal Superior de Xustiza de Galicia", dixo.

UNHA "PATALETA", SEGUNDO O GOBERNO

Esta decisión do Partido Popular é, para o goberno municipal, unha "pataleta" dos populares, segundo o edil de Facenda, Raimundo González. Este feito "denota certa frustración" porque o Concello entende que a intención do PP era "obstruir" o funcionamento da administración local "e como lle saiu mal" agora presentan esta alegación.

Raimundo González entende que esta postura "entra en contradición" co dito polo portavoz do PP, Jacobo Moreira, de que "sempre di que quere un orzamento aínda que sexa malo". Por iso, asegura que ao poñer en marcha este "mecanismo" para opoñerse ao orzamento "eles mesmos se descualifican".

Pola súa parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores indicaba este luns que os orzamentos para 2017 son "espléndidos". Sinala que das sete grandes cidades galegas, só hai dúas cos orzamentos aprobados. E unha delas é Pontevedra mentres que a outra é Vigo na que goberna o PSOE con maioría absoluta. Lores indica que se trata dun orzamento que garante investimentos e vai xerar gran activdade económica.

O alcalde de Pontevedra entende que o Partido Popular só quere obstruir e que non ten xustificación que se baseen en formalidades para pedir a nulidade que, segundo afirma, non se suxeitan á realidade porque o equipo de goberno levaba dous meses tentando negociar coas distintas forzas políticas.

Considera que esta nova acción do PP vai encamiñada a facer dano aos veciños de Pontevedra e por este motivo fai unha chamada ao "sentido común" e pide que a oposición sexa construtiva.