O PP reclama a construción de beirarrúas nos accesos ao colexio Santo André de Xeve

Pontevedra
04 de febreiro 2014

Os populares tamén presentaron un escrito no Concello pedindo a habilitación dun cuarto de baño na zona do comedor escolar do centro

O grupo municipal do Partido Popular solicitou ao grupo de goberno do Concello a construción de beirarrúas na contorna do colexio de Santo André de Xeve porque, segundo sinalan, "existen zonas intransitables e fochancas que provocan que os cativos teñan que invadir a calzada para poder evitalas".

Segundo o voceiro municipal do PP, Jacobo Moreira, "non existe unha zona na que os rapazes poidan camiñar con seguridade á entrada e á saída do centro" e reclama a creación de beirarrúas que eviten "riscos innecesarios".

Moreira, como representante do Concello no Conselo Escolar do CEIP Santo André de Xeve, presentaba na mañá deste martes 4 a petición por Rexistro, na que tamén solicita a instalación dun cuarto de baño nas inmediacións do comedor escolar.

Trátase, segundo os populares, dunha reclamación que os pais veñen solicitando dende hai tempo debido a que, na actualidade, cada vez que un alumno necesita acudir ao baño ten que saír do comedor e subir as escaleiras da entrada do centro escolar. "O feito de que só haxa unha coidadora para todos os nenos que utilizan o servizo de comedor, e que todos eles sexan pequenos, xa ten provocado algunha incidencia", indica nun comunicado Jacobo Moreira.