O PP reclamará ao Goberno local os datos sobre a cantidade total da débeda acumulada con Sogama

Pontevedra
11 de xullo 2015

O Grupo municipal do PP denuncia que non recibiron resposta despois de ter solicitado, hai un mes, ao Goberno local unha xuntanza urxente de toda a Corporación municipal para tratar este asunto

Jacobo Moreira, portavoz local do PP, durante unha rolda de prensa PontevedraViva

O Partido Popular presidirá a Comisión de Economía e Facenda do próximo mércores 15 a través do seu concelleiro Rafael Domínguez. Os populares anuncian que o seu obxectivo se centra en levar a cabo unha maior fiscalización dos asuntos en materia económica e por este motivo reclamarán ao Goberno local do BNG que ofreza explicacións sobre a débeda que o Concello de Pontevedra mantén contraída con Sogama, empresa encargada da recollida dos residuos sólidos urbanos.

O Grupo municipal do PP quere coñecer desta forma a cantidade real á que ascende esta débeda cos intereses que se lle suman despois de todo o proceso xudicial que fallou en contra do goberno local. "Os pontevedreses teñen dereito a saber o que lle custará ao Concello a insubmisión do seu rexedor", sinalou o voceiro dos populares Jacobo Moreira que engadiu que os cidadáns "teñen dereito a saber que partidas dos Orzamentos Municipais de 2015 se suprimirán para poder facer fronte ao pagamento".

O Tribunal Constitucional non admitiu a trámite o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra fronte á sentenza do TSXG polo pagamento do canon único aplicado por Sogama dende o ano 2004. Moreira denuncia que o Goberno local non contestou á reunión solicitada polos populares hai un mes para dar conta aos máis de cinco millóns de débeda.