O PP recollerá sinaturas contra a "cacicada" do peche da Avenida Raíña Vitoria

Pontevedra
04 de febreiro 2022

O PP de Pontevedra colocará unha carpa en diferentes en puntos céntricos da cidade, de mércores a sábado, onde os pontevedreses "poderán deixar constancia da súa oposición a esta cacicada de Lores"

Segunda manifestación veciñal polo peche de Raiña Vitoria
Segunda manifestación veciñal polo peche de Raiña Vitoria / Mónica Patxot

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou que a próxima semana iniciarán unha recollida de sinaturas para "deixar constancia de que o peche da avenida de Raíña Vitoria nin beneficia nin gusta a ninguén nesta cidade".

Domínguez explicou que o partido tomou a decisión de "dar un paso máis e levar a cabo esta acción a pé de rúa, contando co retroceso da sexta onda da pandemia de coronavirus"

"O obxectivo é compartir coa maior parte dos pontevedreses que se trata dunha cacicada que o único que xerou é un caos circulatorio", xustificou. 

A carpa instalarase de mércores a sábado, nas principais prazas da cidade, nun horario que os populares avanzarán nos próximos días. Recollerán firmas solicitando que se paralice a redacción do bando que converterá en definitivo o peche ao tráfico de Raíña Vitoria. 

Rafa Domínguez prometeu que se o PP gaña as próximas eleccións municipais e consegue a Alcaldía de Pontevedra "abriremos o vial de maneira inmediata". 

Neste sentido, Domínguez recomendou ao alcalde que paralice a tramitación do proxecto de skate-park, porque "é mellor que non malgaste o diñeiro debido a que en 15 meses, e é un compromiso persoal para cando cheguemos á Alcaldía, Raíña Vitoria volverá abrir".