A pesar da recollida de firmas iniciada polo PP para esixir a reapertura da avenida Raíña Vitoria ao tráfico, o goberno municipal non dará o seu brazo a torcer. Así o reiterou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor avanzou que o Concello está a ultimar a redacción do novo bando que rexerá o peche desta rúa que, ao seu xuízo de Fernández Lores, "era a única vía de tráfico de paso que había xa no anel central da cidade".
Os vehículos que entraban pola ponte da Barca, apuntou o alcalde, accedían a Raíña Vitoria, eixo dun "circuíto" de tráfico que "atascaba toda a cidade" ao cruzar pola Praza de Galicia, Augusto García Sánchez e Eduardo Pondal ata as estacións "e viceversa".
"Valoramos o peche porque a rúa xeraba tráficos que non son imprescindibles", reiterou Lores, que apuntou a diminución "drástica" de vehículos que se rexistra en todo ese eixo urbano desde o peche de Raíña Vitoria, ao "redistribuírse" a circulación por toda a cidade,
Para o alcalde "é de sentido común" que un condutor que veña de Poio e queira ir cara ás estacións "non ten que pasar por Raíña Vitoria".
Tras aseguran que os populares "teñen todo o dereito do mundo" a recoller firmas, Fernández Lores lamentou que o PP "se decante cada vez máis" pola súa oposición ao modelo urbano de Pontevedra "e tamén ás novas tendencias" que marcan as autoridades europeas.
"Hai que restrinxir o tráfico no centro", subliñou o alcalde, que apunta que as zonas de baixas emisións nas cidades son de obrigado cumprimento. O tráfico de Raíña Vitoria era "maioritariamente de paso", segundo o rexedor, que ten "outras alternativas" para circular.
Ademais, Lores comparou esta oposición ao peche de Raíña Vitoria coa que o PP defendeu hai 22 anos coa peonalización do centro histórico, buscando "botar atrás un modelo que está a funcionar" porque "seguen erre que erre coa mesma teima".