O PP supera as súas expectativas e recolle máis de 4.000 firmas contra o peche de Raíña Vitoria

Pontevedra
12 de febreiro 2022

A campaña de recollida de firmas en contra do peche da avenida Raíña Vitoria posta en marcha polo PP de Pontevedra tivo este sábado unha parada na praza da Peregrina, onde se sumaron á petición a deputada Ana Pastor e a senadora Pilar Rojo

Ana Pastor e Pilar Rojo súmanse á recollida de firmas contra o peche de Raíña Vitoria
Ana Pastor e Pilar Rojo súmanse á recollida de firmas contra o peche de Raíña Vitoria / Cristina Saiz

A campaña de recollida de firmas en contra do peche da avenida Raíña Vitoria posta en marcha polo PP de Pontevedra tivo este sábado unha parada na praza da Peregrina, onde se sumaron á petición dúas das 'populares' pontevedresas con máis proxección fóra da cidade, a deputada Ana Pastor e a senadora Pilar Rojo. 

Aproveitando esta nova recollida, o presidente do PP local, Rafa Domínguez, fixo balance e anunciou que máis de 4.000 persoas xa se sumaron á iniciativa, que solicita a apertura inmediata do vial e a paralización da redacción do bando municipal que fará permanente o peche. 

Segundo as cifras facilitadas por Domínguez preto de 2.000 persoas asinaron a petición en liña e máis de 2.000 fixérono de maneira presencial na carpa que desde durante catro días instalaron os populares na propia Reina Vitoria e na praza da Peregrina.

Estas cifras supoñen, segundo o líder local do PP, superar as expectativas iniciais desta iniciativa e iso que, segundo asegura, "cónstanos que moitísima xente, por motivos persoais e/ou profesionais, non puido asinar".

O PP seguirá coa iniciativa nos próximos días, abrindo os lugares de recollida de firmas a diferentes puntos da cidade. A próxima semana estarán nos barrios de Monte Porreiro e A Parda, en diferentes parroquias e tamén no centro da cidade. 

"Ninguén que queira asinar vai quedar sen facelo", explicou Domínguez, que sostén que o peche deste vial "o único que ocasionou é un caos circulatorio na cidade".

O líder do PP sostén que "ninguén se viu beneficiado nin a ninguén lle gusta este peche caprichoso" e un exemplo é que, segundo asegura, na propia Reina Vitoria pecharon varios comercios desde o peche e os comerciantes da zona indicaron ao PP que as súas vendas víronse reducidas nun 30 por cento.