O PP 'salta' á Xunta e insta o Concello a pedir a cesión da estrada vella a Marín e humanizala

Pontevedra
19 de novembro 2015

Entenden que é necesario elaborar un proxecto de mellora da seguridade e humanización deste viario, consensuado con usuarios e veciños da zona. Pero en lugar de pedirllo á titular da estrada, a Xunta de Galicia, insta ao goberno municipal a solicitar a cesión da mesma e que o Concello asuma ese investimento

Xuntanza do Partido Popular con membros do colectivo Masa Crítica Partido Popular de Pontevedra

Jacobo Moreira asume as reivindicacións do colectivo Masa Crítica con respecto á PO-546, a coñecida como estrada vella a Marín.

Entende que é necesario elaborar un proxecto de mellora da seguridade e humanización deste viario, consensuado con usuarios e veciños da zona. Pero en lugar de pedirllo á titular da estrada, a Xunta de Galicia, insta ao goberno municipal a solicitar a cesión da mesma e que o Concello asuma ese investimento.

Así llo solicitarán ao goberno de Fernández Lores nunha moción que presentarán ao Pleno municipal o próximo 30 de novembro e similar a outra presentada por Marea na sesión plenaria de setembro, aprobada por unanimidade -Partido Popular incluído-, na que entre outras medidas instábase á Xunta a que procedese á rehabilitación integral desta estrada.

Agora, Moreira asegura que dado que esta vía posúe características urbanas "sería oportuno que o Concello solicitase a titularidade e poder así, dende Pontevedra, decidir as melloras que se deben acometer na PO-546".