O PP sinala que Facenda rebaixa o superávit do goberno de Lores en 3 millóns de euros

Pontevedra
01 de outubro 2015

Segundo apuntan os populares, o equipo de goberno anunciou un superávit de case 5 millóns de euros en 2014, pero Facenda corrixe esa cantidade, que descende a 1,9 millóns de euros

César Abal, concelleiro do Partido Popular Mónica Patxot

A publicación do Ministerio de Facenda do dato da liquidación dos orzamentos das entidades locais levou a que o Partido Popular denuncie que a Administración estatal corrixe os datos publicados polo equipo de goberno de Pontevedra sobre a situación financeira do 2014.

César Abal, concelleiro do PP, apunta que o goberno de Fernández Lores anunciaba en xaneiro a existencia dun superávit municipal por valor de 2,36 millóns de euros, para modificala posteriormente e situala en 4,8 millóns de euros.

O Ministerio de Facenda fixo público este mércores 30 de setembro o dato de superávit do Concello de Pontevedra que se sitúa en 1.979.874 euros, unha cifra inferior aos case cinco millóns de euros que anunciaba Raimundo González, segundo expón César Abal.

Desde o PP lamentan a falta de planificación e coordinación do goberno local que, segundo sinalan, viuse obrigado a realizar continúas modificacións de crédito e incorporacións de remanentes por non contar cun proxecto detallado da economía do municipio.

Desde o goberno local indícase que o informe foi realizado por funcionarios municipais e prodúcese este desfasamento na cifra porque Facenda aplicou un cambio normativo que non se levou a cabo nos anos anteriores.