Pontevedra contará en 2016 cun orzamento que superará os 71 millóns de euros

Pontevedra
26 de outubro 2015

Así o avanzou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, edil de Economía e Facenda. Serán unhas contas "expansivas", sinalou, que dedicarán case once millóns de euros a investimentos porque o permite a situación económica e financeira do Concello "ao ter as contas saneadas e unha das débedas por habitante máis baixas do país"

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O orzamento municipal para 2016 superará os 71 millóns de euros. Así o avanzou este luns o portavoz do goberno local, Raimundo González, edil de Economía e Facenda. Serán unhas contas "expansivas", sinalou, que dedicarán case once millóns de euros a investimentos porque o permite a situación económica e financeira do Concello "ao ter as contas saneadas e unha das débedas por habitante máis baixas do país".

En concreto, Raimundo González adiantou as grandes cifras do proxecto orzamentario. Destinaranse 20,2 millóns de euros para o capítulo de persoal, que sobe polo aumento do 1% do salario dos funcionarios aprobado polo Goberno central, 32,1 millóns de euros para gasto corrente, 10,7 millóns para investimentos, 4,8 millóns para transferencias correntes e 2,8 millóns para amortizacións de crédito.

Pedirase un novo crédito de 2,5 millóns de euros, pero a maior parte dos investimentos faranse con fondos propios, procedentes do aforro municipal. Serán proxectos relacionados coa mobilidade e a accesibilidade, tanto na área urbana como na rural, novas infraestruturas deportivas, actuacións vinculadas a cuestións ambientais ou equipamentos socioculturais.

Segundo o edil do BNG, o saneamento do río Gafos e de Mourente, o novo acceso a Monte Porreiro, o núcleo de centralidade de Salcedo ou dous novos campos de herba sintética serán algunhas destas actuacións previstas.

Non se incluirá, polo menos por agora, a construción da planta de compostaxe da Canicouva. Haberá partidas para a compra de composteiros comunitarios, seguindo o plan da Deputación. Iso non supón, apuntou Raimundo González, deixase de ser unha "prioridade política" para o Concello, pero estudarase a posibilidade de que se financien as obras mediante unha concesión ou con achegas da administración provincial.

A intención do Concello é que o orzamento de 2016 se poida aprobar en Pleno nos primeiros días de decembro

Ademais, a débeda do Concello de Pontevedra reducirase en 2016 ao redor dos 300.000 euros.

En todo caso, estes orzamentos non están pechados. Raimundo González adiantou que este avance será entregado aos grupos políticos da oposición para que poidan facer as súas achegas coa finalidade de lograr o máximo consenso posible.

"Intentaremos que os grupos municipais fagan aportacións previas á redacción definitiva dos orzamentos, independientemente das emendas que podan presentar na súa tramitación", explicou o responsable económico do goberno municipal.

A intención do Concello é que o orzamento de 2016 se poida aprobar en Pleno nos primeiros días de decembro.