O PP só aprobará o orzamento do goberno local se o alcalde baixa os impostos

Pontevedra
27 de outubro 2015

Os populares consideran "inconcebible" que o goberno de Fernández Lores non informase do borrador ao presidente da Comisión de Economía e Facenda, Rafael Domínguez

Rafael Domínguez, concelleiro do Partido Popular
Rafael Domínguez, concelleiro do Partido Popular / PontevedraViva
O PP alerta o goberno local de que só apoiará os orzamentos de 2016 se baixa os impostos /

O Partido Popular, a través do concelleiro e presidente da comisión de Economía e Facenda, Rafael Domínguez indicaba no mediodía deste martes 27 de outubro que quere marcar as liñas vermellas ao goberno local se pretende contar co apoio popular para aprobar os orzamentos municipais de 2016. Neste sentido, Domínguez manifestou que lle esixirán ao equipo de goberno unha redución da carga impositiva ao entender que Pontevedra é unha das cidades con maior presión fiscal, 603 euros por habitante segundo o PP.

Rafael Domínguez mostrou tamén o seu malestar porque o goberno de Fernández Lores non lle informara do borrador dos orzamentos como máximo representante desta comisión.

Os populares queren unha baixada do 10% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI); unha redución do 25% na viñeta (Imposto sobre Vehículos de Tracción mecánica e do 50% nesta mesma taxa para os vehículos con motores con emisións inferiores a 100 gr/km; unha redución do IBI rústico, ademais de implantar bonificacións para as familias numerosas no IBI urbano.