O PP tilda de "improvisado" e "insuficiente" o plan da Deputación de grandes obras para concellos pequenos

Pontevedra
16 de agosto 2017

Ángel Moldes, considera que este plan presentado o pasado luns por Carmela Silva e César Mosquera "nos da a razón" nas críticas que levan realizando varios meses sobre o Plan Concellos. Ademais, demanda que se incremente a partida e sexa máis de seis millóns de euros por ano ata final do mandato

Luis Aragunde e Ángel Moldes, na sede do PP provincial
Luis Aragunde e Ángel Moldes, na sede do PP provincial / PontevedraViva

O grupo provincial do Partido Popular valorou este mércores o novo plan da Deputación de Pontevedra para realizar obras singulares en concellos de menos de 20.000 habitantes. Non critican o plan en si, que lles parece moi necesario, pero si a forma na que se presenta, pois consideran que é "improvisado" e que a dotación orzamentaria, 18 millóns en tres anos, é "insuficiente". 

O voceiro provincial do PP, Ángel Moldes, considera que este plan presentado o pasado luns pola presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, "nos dá a razón" nas críticas que levan realizando varios meses sobre o Plan Concellos. Ademais, demanda que se incremente a partida e sexa máis de seis millóns de euros por ano ata final do mandato. 

"Está moi ben que recoñezan que o Plan Concellos non funciona, estamos de acordo en que se vaian corrixindo os erros e as deficiencias que hai, pero entendemos que este plan é insuficiente", indicou Ángel Moldes, que fai as súas contas e indica que seis millóns ao ano a repartir entre 52 concellos da provincia de máis de 20.000 habitantes supón repartir unha cantidade "mínima".

Ao respecto, manteñen que todos os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia "van recibir menos cartos que unha soa obra para unha grande cidade", algo que considera que  "non é normal" dado que o papel das deputacións é, precisamente, "estar ao lado dos concellos de menos de 20.000 habitantes".

O deputado do PP Luis Aragunde compareceu este mércores acompañando a Ángel Moldes e indicou que este novo plan presentado demostra que na Deputación "había falta de estratexia e planificación" tal e como o seu partido denuncia desde hai meses. Na súa opinión, responde a unha demanda dos concellos gobernados polo BNG e o PSOE, que se atopaban con que había grandes obras que non podía acometer con cargo ao Plan Concellos. 

As críticas do PP tamén se centran na falta de diálogo á hora de programar este plan. "Non sabemos con que alcaldes consensuaron este plan, porque hai que recordar que a metade dos alcaldes da provincia continúan esperando a ser recibidos dous anos despois", indicou Moldes.

Os 'populares' consideran tamén que este "miniplan" é "electoralista". "Por moito que queiran chamarlle de outra maneira, isto ao final é unha libre disposición", engade Luis Aragunde, que considera que a Deputación se atopou con remanentes e unha parte importante do orzamento sen executar e agora o utilizan para un plan no que o prazo de execución dos proxectos remata xusto a tempo para as próximas eleccións municipais.