O Real Automóvil Club de España (RACE) distinguirá o Programa Municipal de Educación Viaria posto en marcha pola Policía Local de Sanxenxo.
Co monicreque coñecido como Poli Paco á cabeza, esta iniciativa posta en marcha no ano 2008 trata de fomentar entre os escolares hábitos de conduta axeitados como peóns e tamén como futuros condutores a través de cursos desenvolvidos nos diferentes centros educativos.
Esta distinción enmárcase dentro dos Premios Nacionais de Curtametraxes de Educación Viaria que se entregan este mércores na Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de Madrid.
Alí estarán como representantes de Sanxenxo o concelleiro de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, e o responsable do Programa Municipal de Educación Viaria, Abelardo Martínez.
Antes de acudir á cita, Durán recoñeceu que "para nós é un orgullo que a tarefa que realizamos a través deste programa transcendera do noso municipio e sexa recoñecida a nivel nacional".
O concelleiro engadiu ademais que a aposta por este programa se produce "ao entender que a educación e a formación é o mellor modo de lograr futuros condutores responsables".
ENCONTRO NACIONAL DE EDUCADORES VIARIOS
Ademais da distinción do RACE, a Policía Local de Sanxenxo acudiu a semana pasada a Benidorm para participar no Encontro Nacional de Educadores Viarios, onde ofreceron unha charla a estudantes de 3º e 4º de Primaria da localidade alicantina co Poli Paco como protagonista do acto.