Un total de 2.156 estudantes de todos os ciclos educativos de Sanxenxo serán este curso os destinatarios do Programa Municipal de Seguridade Viaria que a Policía Local desenvolverá dende este mes e ata final de curso.
Segundo informou o Concello, un dos principais obxectivos é lograr que os estudantes do municipio de todos os ciclos educativos velen pola súa propia seguridade e se comporten responsablemente en relación ao uso das vías públicas e o tráfico tendo en consideración aos demais usuarios.
O edil delegado de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, explica que esta iniciativa reflicte a "aposta firme" do Goberno local pola formación dos nenos do municipio, pois "resulta fundamental á hora de evitar situacións de risco, como así o están a demostrar os resultados desta actividade que contribúe ademais a que os escolares se familiaricen coa Policía Local".
Os axentes encargados de desenvolver este programa expoñerán aos escolares do municipio as normas que regulan a circulación de vehículos e persoas polas calzadas e beirarrúas. Estarán acompañados neste labor polo 'Poli Paco' e a 'Poli Lola', dous monicreques que contribúen a facer máis comprensibles os contidos das sesións no caso dos alumnos e alumnas de menor idade.
Este ano a acción incidirá na forma axeitada de viaxar no autobús. De feito, as sesións teóricas e prácticas que se desenvolverán ata o mes de maio, estarán complementadas agora con simulacros de evacuación dos autobuses escolares. A Policía Local mostrará aos participantes o xeito de realizar os traxectos con seguridade, a descender do vehículo no momento en que o condutor, os monitores ou os profesores que os acompañen lles indiquen que existe unha emerxencia, entre outras cuestións.