No marco dun novo reparto de material electoral desenvolvido na Praza da Peregrina, no que participaron a candidata do PSOE por Pontevedra ao Congreso, Marica Adrio; o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, así como os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Paloma Castro e Marcos Rey; os socialistas pedíronlles ás mulleres pontevedresas que xoguen un papel esencial este 23X "para que gañe un Goberno que defende os seus dereitos e igualdade" e perda "unha coalición de ultradereita que volva tratalas como cidadás de segunda división".
Adrio destacou que, a través da reforma laboral impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez, "unhas 36.000 mulleres asinaron un contrato indefinido na nosa provincia o ano pasado, unha cifra que supón catro veces máis que en 2018".
Marica Adrio asegurou que unha das prioridades do programa electoral do PSOE de para a vindeira lexislatura "será avanzar cara á plena igualdade real e efectiva de homes e mulleres". Os socialistas apostan por aposta por seguir impulsando unha axenda de igualdade que defenda os avances acadados, combatendo con maior contundencia o terrorismo machista que padecen as mulleres; renovando o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero; mellorando os sistemas de prevención, detección e atención ás vítimas e aos seus fillos e fillas; e blindando o dereito das mulleres a ser asistidas polas institucións públicas en casos de violencia machista, de xeito que non poida ser derogado ou ignorado por ningún partido no poder.
Iván Puentes puxo o foco "no importante papel que as mulleres deben ter no vindeiro mandato" e pediu o voto para o PSOE como a mellor fórmula para evitar un goberno de coalición entre PP e VOX.