En abril do 2021 foi inaugurada a obra dos Baños de San Xusto que contou cunha inversión de 650.000 euros. O grupo municipal do Partido Socialista no concello de Cerdedo-Cotobade lembran que neste acto, o alcalde Jorge Cubala anunciou a súa intención de que o balneario estivera en funcionamento antes do remate de ese mesmo ano a expensas de que se completasen as analíticas que permitisen legalizar as augas para o seu uso mineiro-medicinal, ditas analíticas rematáronse no mes de xullo.
Os socialistas sinalan que no mes de febreiro de 2022 a Xefatura Territorial do Servizo de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia remitiu o expediente de legalización das augas.
"Xa estamos no mes de agosto, a falta de 4 meses de que remate o ano en curso e con un ano de atraso sobre as previsións iniciais feitas polo goberno municipal seguimos sen coñecer a data da posta en funcionamento e aproveitamento da citada infraestrutura", afirma a portavoz local do Partido Socialista, Lina Garrido.
O grupo socialista asegura que "preocúpanos a actual situación de falta de actividade que pode producir o deterioro das instalacións debido a súa falta de uso, e a súa exposición a actos de vandalismo ó estar nunha zona afastada e a quilómetros de distancia do núcleo de poboación mais próximo".
Neste sentido, denuncian que "xa se poden apreciar os primeiros signos de deterioro, sobretodo na zona de baños exterior, onde xa falta un dos grifos das duchas e as bañeiras presentan desperfectos varios".
Ao mesmo tempo manifestan a súa "preocupación por acometer un proxecto tan fermoso e ambicioso sen previsión de acometida eléctrica, o que vai supor unha forte inversión a maiores ligada a máis retraso na posta en marcha das instalacións".
"Sería unha mágoa que despois da forte inversión económica realizada a demora na súa posta en marcha fixera preciso unha nova inversión para subsanar os problemas ocasionados por estar tanto tempo en desuso", sostén Lina Garrido. Engade que, a maiores, este balneario pode supor un reclamo turístico e unha fonte de ingresos para os locais hoteleiros da zona.