O grupo socialista da Deputación presentou unha emenda a unha moción do Partido Popular que levará ao próximo pleno provincial. Os socialistas están de acordo en que a Deputación inste á Xunta de Galicia para que inicie os trámites ante o Goberno de España para homologar os títulos da Escola de Cantería de Poio con dous novos ciclos de Formación Profesional, pero tamén lle lembran ao PP que a Xunta debe reclamar a transferencia inmediata da Escola coa súa integración plena na rede de centros pertencentes á Consellería de Educación.
Segundo expón no escrito o deputado socialista Carlos Font, a Deputación non pode xestionar un centro público de ensino no que se expiden títulos oficiais de FP en base a un currículo educativo.
Para o PSOE calquera aprobación do ciclo de Formación Profesional implica inmediatamente que a Xunta de Galicia pasaría a responsabilizarse do centro educativo situado na Caeira.
O 4 de marzo aprobábase por unanimidade no pleno unha moción para instar á Xunta a impulsar a creación destes ciclos, un expediente que conleva un longo proceso no que participan o Goberno estatal, a comunidade autónoma, a patronal e os sindicatos. Por este motivo, o PSOE pide que, namentres, a Xunta de Galicia inclúa á Escola de Canteiros no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego. Con este trámite, o alumnado podería obter un título que permita acceder ao ámbito laboral.
Font indica que a Deputación tamén ten que regularizar a situación urbanística, tras 33 anos de funcionamento en precario, coa obtención da liciencia municipal de actividade. Están en marcha obras de adaptación á normativa sobre seguridade cun orzamento de 440.000 euros.