O PSOE presenta unha moción para lograr que Pontevedra sexa declarada zona de mercado residencial tensionado

Pontevedra
07 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este xoves en rolda de prensa o voceiro do PSOE, Iván Puentes, sinalou que agarda contar co apoio unánime de toda a Corporación nesta proposta e contribuír así a atallar "o grave problema de acceso á vivenda que padece a nosa cidade, cun descontrolando incremento dos custes de compra e alugueiro"  

Os concelleiros Yoya Blanco, Iván Puentes, Manuel Fariña e Paloma Crespo
Os concelleiros Yoya Blanco, Iván Puentes, Manuel Fariña e Paloma Crespo / Mónica Patxot

O grupo municipal do PSOE no Concello de Pontevedra levará a Pleno unha moción na que se insta ao goberno local a iniciar os trámites para que a cidade sexa declarada zona de mercado residencial tensionado, abrindo a porta a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), poida topar aos prezos do alugueiro.

Este xoves en rolda de prensa o voceiro do PSOE, Iván Puentes, sinalou que agarda contar co apoio unánime de toda a Corporación nesta proposta e contribuír así a atallar "o grave problema de acceso á vivenda que padece a nosa cidade, cun descontrolando incremento dos custes de compra e alugueiro".

O PSOE pediu á Concellería de Urbanismo que poña en marcha os traballos e estudos necesarios.

Segundo os datos facilitados polo PSOE na rolda de prensa, o Instituto Nacional de Estatística (INE) sinala que Pontevedra é a urbe galega con menos oferta de vivenda en alugueiro e a terceira cos alugueiros máis caros de Galicia, cun prezo medio que se sitúa xa nos 852 euros mensuais. 

Ademais os socialistas indicaron que Pontevedra tamén é a capital galega na que máis subiu a vivenda usada en 2023, un problema ao que tampouco escapa a vivenda nova, que subiu na Boa Vila ata catro veces máis que a media galega no pasado ano, nin tan sequera a cada vez máis recorrente fórmula de compartir piso, un 52% máis caro hoxe que hai oito anos.

Iván Puentes considera que esta realidade, combinada cun salario medio dos pontevedreses duns 1.300 euros netos ao mes (segundo o IGE), unha renda media por fogar e ano de 28.682 euros e un prezo medio da vivenda de 160.656 euros, "implica un esforzo desorbitado e mesmo, ás veces, unha imposibilidade manifesta para que moitas persoas accedan a unha vivenda no noso concello". 

Así, segundo apuntou, os pontevedreses teñen que destinar de media 5,6 anos do seu salario neto íntegro para poder adquirir unha vivenda na cidade.

A declaración de zona de mercado residencial tensionada exixirá que, con carácter previo á presentación da correspondente solicitude ante o IGVS, o Concello de Pontevedra constitúa unha mesa sectorial na que se analizará a proposta municipal de declaración, así como o proxecto de plan específico que inclúa as medidas correctoras e o calendario de desenvolvemento das mesmas.