Os tres concelleiros do Partido Socialista en Pontevedra presentaron as cinco vías sanitarias libres de lombos que propoñerán no pleno de setembro coa intención de que as ambulancias poidan acceder con maior velocidade ao Hospital Montecelo.
O voceiro do grupo municipal socialista, Agustín Fernández, entende que a eliminación ou rebaixa deses pasos elevados na calzada non supoñería un ataque ao modelo de cidade senón unha adaptación necesaria para garantir a seguridade dos pacientes. Neste sentido engadiu, que os técnicos de ambulancias e os médicos cos que se reuniron durante os últimos días calculan que o percorrido dende a autoestrada ata o Hospital Montecelo se incrementa en cinco minutos debido á presenza das lombos.
As vías propostas serían:
1. Vía Norte. A través da N-550 en Médico Ballina en conexión co acceso a Monte Porreiro por Lérez. É a máis utilizada polas ambulancias. Nela suprimiríanse os 11 pasos elevados que existen actualmente.
2. Vía Oeste. Parte do nó de Bomberos, percorre Domingo Fontán e a rúa Xoán Manuel Pintos ao cruzar a Ponte de Santiago para acceder á avenida de Bos Aires e chegar á rotonda da Ponte dos Tirantes. Neste tramo eliminaríanse outras 11 lombos.
3. Vía Leste. Parte da N-541 en ponte Bora, percorre a estrada deMarcón ata a conexión coa estrada de ponte Caldelas. Este acceso encóntrase xa libre de obstáculos.
4. Vía Sur. Une a AP-9, a autovía de Marín (PO-11 e PO-12) e a estrada N-550 con Montecelo. Conta con 13 "lombos"
5. Vía Centro. Parte do Hospital Domínguez a través da rúa Fray Juan de Navarrete chegando ata a travesía da Eiriña. Accédese a Loureiro Crespo dende onde parten as ambulancias que saen do Hospital Provincial. Accédese a San Mauro e á rúa Moldes para conectar con Montecelo. Conta con 14 lombos.
Sinalan que habería que realizar un estudo para contemplar que elevacións habería que eliminar e cales terían que someterse a unha rebaixa para facilitar o acceso ao centro hospitalario.