O PSOE reclama á Xunta no Parlamento unha alternativa "real" para Ence

Pontevedra
29 de setembro 2021

A deputada Paloma Castro acusa ao conselleiro de Industria de xerar "falsas  espectativas" coa posibilidade de adscribir a fábrica ao Porto de Marí  

Fábrica de ENCE en Lourizán Mónica Patxot

O grupo parlamentario do PSOE presentou no Parlamento Galego unha pregunta á Xunta na que reclama a procura dunha “alternativa real á permanencia de Ence no noso territorio”. A viceportavoz dos socialistas, Paloma Castro, pediu ao goberno galego que “baixen á realidade” e deixen de provocar “falsas expectativas” aos traballadores cando “o que fan é enganar e secundar á empresa” en lugar de esixirlle que manteña os postos de traballo.

Castro reclamoulle ao goberno galego que “encarguen un informe obxectivo que atope outra localización viable e permita á empresa Ence continuar coa súa actividade en Galicia e manter os postos de traballo”. Así o dixo logo de que a Audiencia Nacional publicara en xullo unha sentenza admitindo o recurso de Greenpeace e o Concello de Pontevedra contra a prórroga de 60 anos á pasteira concedida de forma irregular polo goberno de Rajoy.

A responsable socialista advirte de que a “nova” proposta do goberno galego de integrar a pasteira na Autoridade Portuaria de Marín “xa fora formulada en 2005 e rexeitada polo Ministerio de Fomento por ir en contra da Lei de Réxime Económico e Prestación de Servizos nos Portos de Interese Xeral”. Así o ratificaban ata cinco informes técnicos negativos contra a inclusión da factoría na zona portuaria.

A parlamentaria socialista lamentou os “continuos bandazos” do goberno galego, que o único que atende é a un informe “de parte” elaborado pola propia empresa sobre a suposta inviabilidade do traslado, que de feito foi valorado como insuficiente polos maxistrados no procedemento xudicial. Mentres, “dedicáronse a propor solucións peregrinas que teñen moito máis de populistas que de reais”.

Así, o propio conselleiro apuntaba o 19 de xullo, despois de coñecer o fallo, que reclamaría un requirimento técnico a Ence para o traslado e pedía axuda ao Estado a través dos fondos Next – Generation. Sen embargo, á volta das vacacións “mudaba a posición ata o punto de defender o indefendible e soster posturas de dubidosa legalidade”.

Lembra que o 2 de setembro defendían a permanencia en Lourizán como única alternativa, pedíndolle ao goberno que no executara a sentenza, incorrendo deliberadamente nun delito de desobediencia. Non foi o único, xa que o propio conselleiro Rueda lle pedía ao goberno que modificara a Lei para asegurar a viabilidade da empresa en Lourizán, “é dicir, que prevaricara”.

Agora, dixo, presentan a nova solución da integración no porto de Marín “a sabendas da imposibilidade xurídica, cun comportamento totalmente doloso e xogando coas falsas expectativas duns traballadores e traballadoras que teñen en xogo os seus postos de traballo”. Reclamoulle que deixen de secundar á empresa e “plántenlle cara” para “esixirlle á empresa un comportamento moralmente desexable e garanta os postos de traballo dentro dos termos legais”.