O punto test covid do porto de Sanxenxo leva realizadas 700 probas de antíxenos co 1,7% de positividade

Sanxenxo
11 de agosto 2021

O perfil do usuario son familias con membros que non están en idade de vacinación e que precisan un test negativo para acceder ao interior da hostalería

Test de antíxenos para detectar contaxios por covid-19
Test de antíxenos para detectar contaxios por covid-19 / Mónica Patxot

O punto de test Covid instalado no porto deportivo de Sanxenxo realizou nos 11 días que leva operativo 700 probas de antíxenos nos que se detectaron 12 positivos, o que supón o 1,7 % de positividade. 

O servizo posto en marcha polo Concello de Sanxenxo en colaboración con E-Saúde na Sala Nauta está orientado a facilitar un acceso seguro ao interior da hostalería. 

O punto test manterase durante todo o mes de agosto de luns a domingo en horario de 12 a 16 horas e de 19 a 23 horas.

As mostras dos test de antígenos son recollidas por un equipo de enfermería e o seu resultado é case inmediato. O custo da proba é de 10 euros. Cando é negativo, emítese un certificado que se pode presentar no local de restauración se se quere acceder ao interior e que ten unha validez de 48 horas, requisito indispensable na actualidade se non se dispón da pauta completa de vacinación ou do xustificante médico de pasar a enfermidade no últimos seis meses.

O perfil de usuario deste servizo son familias con membros que non están en idade de vacinación e que queren acceder aos interiores dos locais de hostalería. A maioría son visitantes do territorio nacional, pero tamén internacional como Portugal, Suíza ou Países Baixos.

Sanxenxo baixará este sábado a nivel alto de restricións, pero as medidas de acceso ao interior dos locais seguirán sendo as mesmas que ata o de agora, aínda que o aforo pasará do 30 ao 50%. O lecer nocturno só permitirase en terrazas, ata o 50% e ata a unha da madrugada.