A oposición rexeitou recentemente formar unha fronte común contra o BNG, pero o certo é que uníndose conseguiron infrinxir os nacionalistas a súa primeira 'derrota' neste mandato. Partido Popular, PSdeG-PSOE e Ciudadanos apoiaron a moción presentada por Marea para retomar o proceso de redacción, aprobación e posta en marcha dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Toda a oposición votou a favor desta proposta no seo da comisión de Urbanismo, na que unicamente o BNG optou por posicionarse en contra. Agora será trasladada ao Pleno para aprobala formalmente.
Esta moción propón crear, a instancias dunha emenda do PSdeG-PSOE, unha subcomisión específica que se encargue de supervisar estes traballos e que estará presidida polo voceiro de Marea, Luis Rei, como promotor desta moción. Nela estarán representados todos os grupos municipais.
A primeira acción desta subcomisión será, sinalaron dende Marea, poñerse en contacto co equipo redactor do PXOM, Consultora Galega, para aproveitar o investimento e os traballos realizados ata agora.
Pola súa banda, o BNG recordou que Pontevedra xa ten redactado un novo PXOM que foi rexeitado no seu día pola Xunta alegando unha serie de criterios técnicos.
Por iso, os nacionalistas propuxeron que todos os partidos elaborasen propostas para ver como se pode axustar este plan a esas esixencias do goberno autonómico e salvar os seus reparos. Ciudadanos abstívose e o resto da oposición votou en contra.