As obras de construción do novo complexo deportivo de Campolongo avanzan ás alancadas para entrar en funcionamento no mes de outubro. O Concello de Pontevedra confirmou que, pola modificación do trazado da liña de media tensión de Fenosa, non poderá abrir as súas portas o 1 de outubro. Aínda así, no interior e exterior do ximnasio, o ritmo das obras segue sendo frenético e tanto movemento empeza a xerar molestias.
"Levan tres días cun ruído continuo, é coma se houbese moitísimos computadores acesos á vez. Está todo o día, pero pola noite nótase máis. A partir de certa hora non debería haber ruídos de ningún tipo", protesta unha veciña da rúa Augusto García Sánchez.
As molestias están a ser, por momentos, insoportables polo que unha das afectadas ten decidido presentar un escrito ao Concello en sinal de protesta contra as obras e para solicitar información acerca da legalidade das mesmas.
"Levantouse a escasos dez metros do número 10 da avenida Augusto García Sánchez, con altura dunha planta, unha construción con aspecto de saída de emerxencia e unha sala de instalacións", expón a afectada, quen engade que "a construción mencionada ten unhas reixas de ventilación que desde hai tres días emiten un ruído insoportable día e noite". Por iso solicita ao goberno local unha copia do proxecto, da licenza de obra e do informe de protección contra o ruído.
Esa sala de instalacións está orientada cara ao bloque de vivendas, co que son da súa actividade perturba a tranquilidade dos residentes sobre todo en horario nocturno. "Estou a pensar en cambiar a habitación porque é moi molesto, non che deixa durmir, levántache dor de cabeza", confesa, María Sánchez, veciña do inmoble.
Os residentes presentáronse na obra para buscar a orixe do son e os traballadores explicáronlle que polo momento están a facer probas e que descoñecen se cando o complexo entre en funcionamento esas máquinas funcionarán de forma continua. "Irei ao concello para preguntar", asegura a veciña, quen recoñece que durante a fase de construción houbo ruído "só cando cortaban materiais, era puntual por iso non molestaba tanto".
Así mesmo, no mesmo escrito alerta de que o complexo invadiu parte da zona verde do parque da Constitución, algo polo que tamén reclamará explicacións.