O saneamento do río Lameira inclúe a construción dunha pista de skate e BMX

Marín
04 de marzo 2021

O Concello de Marín ten prevista a mellora integral do colector que transcorre ao longo do curso fluvial nun proxecto que contempla a creación dun gran espazo de lecer infantil e xuvenil na contorna do centro de saúde e o pavillón do Sequelo

Infografía da nova área de lecer na contorna do río Lameira en Marín Concello de Marín

O Concello de Marín ten prevista unha intervención de gran calado na contorna do río Lameira, no que se atopan instalacións tan importantes como o centro de saúde, o CEP Sequelo, o pavillón ou as hortas urbanas. 

En materia de saneamento, está prevista a mellora integral do colector que transcorre ao longo do curso do río. Pero na superficie tamén haberá actuacións notables. 

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, fixo público este xoves, despois da comisión de medio ambiente celebrada no Concello, que se creará unha área de lecer infantil e xuvenil na zona verde que existe entre o centro de saúde e o pavillón do Sequelo.

Ese parque contará tamén cun espazo específico para o mundo do skate e a BMX coa creación da primeira pista pump- track da vila. 

"Queremos seguir apostando polo lecer deportivo da mocidade, moi centrado na cultura urbana que en Marín ten moitos seguidores e que supón unha actividade saudable nunha contorna tan verde e viva como é a do Lameira", asegurou a edila.

Ademais, no parque crearase unha zona axardinada que servirá como peche da instalación con mobiliario urbano, bancos e unha pérgola de madeira para crear sombra. Unha fonte, con auga canalizada desde o río, percorrerá todo o espazo e contará con chafarices de chorro vertical ornamental ao longo da canle. 

Outra das cuestións relacionadas co aproveitamento da contorna do río Lameira e que xa figuran no proxecto desde a súa redacción é a continuación da senda para unir Ponte Zapal co lavadoiro de Coirados e, á súa vez, enlazar co itinerario peonil de Coirados a Pardavila recentemente inaugurado.