O Santo súmase á lista de praias sen fume de Marín

Marín
05 de xullo 2019

O Concello de Marín solicitou a adhesión deste areal, xunto co de Portocelo, no que xa non se podía fumar o pasado verán, á Rede Galega de Praias sen Fume

Praia de Portocelo (Marín)
Praia de Portocelo (Marín)

Marín amplía a súa rede de praias libres de fume. O Concello acaba de solicitar a adhesión á Rede Galega para os areais de Portocelo e O Santo, que é a nova incorporación.

A creación destes espazos sen tabaco serve para concienciar á sociedade sobre os perigos do tabaquismo e converte ás praias nun campo educativo e preventivo. Os operarios municipais instalaron xa os paneis informativos nos accesos.

Ademais de dar exemplo aos mozos, deixar de fumar nas praias supón un importante avance na loita contra a contaminación, posto que as cabichas lideran o ranking de residuos no mundo por diante dos envases, as botellas ou as bolsas. Estas cabichas tardan unha media de 12 anos en  desintegrarse e as substancias tóxicas que se acumulan no filtro supoñen unha ameaza para a biodiversidade.